Onte, reunímonos os membros da Xunta Directiva na Cova Céltica para trata-los temas de actualidade. Asistiron á reunión: Sebas, Pedro, Gerry, Wences (presidente) e Óscar (secretario) (Declan e Rubén escusaron a súa asistencia). Comunicouse que a Xunta non nos quere rexistrar como asociación deportiva porque di que non temos federación do noso deporte. Resulta que para ter federación galega fan falla trinta equipos entre outros requisitos. Vai ser que non. A denegación foi, de momento, de forma verbal (por teléfono), terán que denega-lo formalmente cunha resolución escrita e motivada (non sei como a van motivar, porque a lei non pon o requisito de federación). Así, cando veña recorremos contra a denegación, pero mentras, farémo-lo rexistro no de Asociacións Culturais (este vale 35,38 €, o de deportes vale 9,65 €, dígoo, porque son os primeiros gastos de Fillos de Breogán). Xa falei coa Xunta, mandoume toda a documentación e haberá que redactar novos estatutos, nova acta fundacional, ... Co que desta vez, para que sexa máis rápido, só asinaremos os da Xunta Directiva. Por certo, onte incluímos na Xunta Directiva a Gabriel, pola súa implicación e a que promete ter no futuro. (A finais do vindeiro ano, cando xa vaia alá a tempada e vexamos que isto funciona, faremos eleccións a presidente entre os socios e elixirase a nova xunta directiva).
Comunícovos deseguido os acordos ós que chegamos onte:
-Establecerase unha cota de socio de 30 €. Esta cota é anual (o que queda de 2010 e todo 2011). O que pague esta cota non pagará os dous euros que se lle dan a Gerry para paga-lo campo de adestramento, poderá participar nos partidos do equipo (vesti-las equipacións oficiais do equipo) e terá acceso a tódolos produtos da asociación a prezo de custe. Ademais, enviaráselle un resumo de tódolos movementos nas contas do clube por correo electrónico, para que tódolos socios vexan que se fai cos cartos. Transparencia máxima. Na páxina web publicarase un listado co nome e primeiro apelido dos socios vixentes na tempada (os que pagaron os 30 €). O resto de xente que queira vir ós adestramentos terá que seguir como ata agora, pagando 2 € cada adestramento, sempre coa posibilidade de facerse socio en calquera momento.
-Establecerase unha cota de patrocinio para as equipacións. Os prezos da publicidade son os que se publican na parte superior. En breve, falaremos con Legea para encarga-las equipacións. Tamén sairán á venda para os non socios, só que terán que encargalas por adiantado.
-Gerry reservará adestramentos para o mes que vén e para a derradeira semana deste mes. A Concellalía de Deportes da Coruña amosou predisposición a darnos campo de balde para todo o ano, pero, ata o momento, nada máis sabemos diso. Así é que, cada adestramento, teremos que levar 2 €, agás os socios claro.
-En breve, comezaremos a vende-las camisetas promocionais de algodón. Faremos unha primeira tirada en tallas L e M. As cores serán negras e azuis e a serigrafía branca.
-Por último, acordamos oficiosamente que ten que haber terceiro tempo, sobre todo se o adestramento coincide en venres, como hoxe. Así é que nos vemos nos bares logo do "treino" ;)