O Comité Europeo comunicouse comigo onte sobre a alta do equipo. Para o ano de fundación, o equipo debe pagar 20 € (custo da afiliación por tempada), máis outros 20 € por participar na competición. Cada membro do equipo debe pagar ademais 2 € para ter ficha como federado. Posto que non hai competición ata o vindeiro mes de xaneiro, faleilles da posibilidade de afiliarnos entón e non agora. Coido que é o lóxico.
Tamén falei co secretario do equipo de Sevilla, un fenómeno. El comentounos que o Comité Europeo non quere que se federe o deporte en España, posto que sería como unha "independencia" do seu control. Eu penso que son compatibles as dúas cousas e que a federación podería ser de grande axuda á hora de solicitar apoio. Vexo máis factible crear unha federación galega ca unha española e seguir o exemplo da Bretaña (entre equipos masculinos, femininos e xuvenís, conta con 25 clubes) para facer máis factible este deporte. Ogallá sigan o noso exemplo noutras vilas galegas e nas veciñas Asturias, León e Portugal.