Publicado po Wences en Dioivo (http://dioivo.eu/deporte/431-o-estigma-do-perdedor-eterno-2)

O árbitro asubiara o final. Partido da cuarta división da Liga de fútbol gaélico de Irlanda. Leitrim 38 – Kilkenny 3. O pasado domingo, outra vez os ‘Cats’ foron arrasados. O equipo de Kilkenny conta os seus partidos por derrotas dende que en 2008 entrou a competir na última categoría da liga irlandesa. É o único condado que non participa no All Ireland de fútbol gaélico, o campionato máis prestixioso, por medo a facer o ridículo. E abofé que o faría.

Kilkenny ten paixón polo hurling, o segundo deporte en importancia da Illa. Os seus ‘hurlers’ gañaron o All Ireland en 33 ocasións, a última, en 2011. O seu nivel en fútbol gaélico está no outro extremo. A maior desesperación sófrena os equipos rivais. Hai un partido ao ano que ninguén quere xogar. É o castigo aos pecados pasados, a ningún deportista de elite lle divirte ter un contrincante tan malo. Kilkenny é un pesadelo.
A inscrición na liga de fútbol foi unha declaración de intencións. “Tamén nos preocupamos do fútbol gaélico” parecían dicir os de Kilkenny. Pero a realidade é ben distinta. Co seu xogo, insultan ao resto de equipos, nin sequera saben darlle ao balón como futbolistas experimentados, teñen erros propios de cativos. Cando os Fillos de Breogán fomos a Irlanda o ano pasado, algún desaprensivo, logo de ver o noso empate cos St. John’s Volunteers, dicíanos que podiamos participar na liga no lugar de Kilkenny. Era unha esaxeración, por suposto, pero os ‘Cats’ son a vergoña do fútbol gaélico.

Non é culpa dos xogadores, senón da estrutura deportiva do condado. Kilkenny é hurling. Viven para o hurling, respiran hurling e, abofé, son os mellores nese deporte. Pero non lles preocupa o fútbol gaélico. Téñeno como unha sección cultural, algo que hai ter para ser un condado irlandés como é debido. De feito, a comezos do século pasado, Kilkenny foi campión tres anos do torneo da provincia de Leinster. Agora, non saben con que bois aran.

Non teñen afouteza nin carraxe. Non xogan duro. Promedian un cartón amarelo por encontro, cando os outros condados reciben uns cinco. Os rivais, case teñen a certeza de que non sairán mancados do partido, non precisan reservarse, poden mellorar as súas estatísticas. Ata Londres e Nova Iorque participan no All Ireland e os ingleses son quen de gañar partidos. Kilkenny é peor que todo iso. E o hurling segue a colleitar éxitos no condado dos Gatos. Pouca la e polas silveiras.

Cal debería ser a solución? Deixar a liga sería como facer un burato negro no medio da galaxia irlandesa. Kilkenny necesita mellorar o seu xogo, pero, máis ca iso, precisa de resultados. Unha victoria un ano destes non viría nada mal. Pero o fútbol gaélico non é profesional, non hai fichaxes, cada un xoga no condado onde naceu.  

Os progresos non chegan e parece que o hurling papou o fútbol gaélico no condado aurinegro. Aínda así, cómpre deixar vía libre ao optimismo e pensar que a devoción que sinten polo fútbol gaélico os condados limítrofes pode ser contaxiosa. Se xurdiu un equipo ex novo na Coruña hai un ano e o sábado conseguimos empatar con Madrid Harps, o vixente campión, por que non pode Kilkenny volver a competir como un máis no fútbol gaélico en Irlanda?