Publicado por Seánie McEvoy en Dioivo (http://dioivo.eu/deporte/381-o-patrimonio-dun-pobo-irman-2)

O meu nome é Seánie McEvoy. Nacín en Wexford, unha vila do sureste de Irlanda, pequena en habitantes, pero grande en historia, tradición e paixón polo hurling e o fútbol gaélico. A miña conexión con Galicia comezou en 1964 cando namorei en Inglaterra da que hoxe é á miña esposa coruñesa, Rosa. A primeira vez que estiven en terras galegas foi catro anos despois daquel encontro e identifiqueime coa Coruña inmediatamente. Decateime moi cedo de que os galegos e os irlandeses temos moitísimas cousas en común ademais da nosa cultura ancestral: a nosa relación co mar, o noso xeito de entender a vida e, por suposto, o noso fado de pobo emigrante.
Agora son o vicepresidente dos Fillos de Breogán, algo moi ilusionante para unha persoa que mamou desde o berce o deporte nacional irlandés. Foi sorprendente ver unha iniciativa así en Galicia. Aprendín a xogar aos deportes gaélicos moi novo, cos Christian Brothers. Para nós non se trata de xogos, forman parte de nós, o noso patrimonio. Neses anos de prohibición das expresións culturais irlandesas, estou convencido de que as Mná na hÉireann (as mulleres de Irlanda), as avoas, nais, esposas, irmás, mozas e fillas constituíron a columna vertebral da GAA (Asociación Atlética Gaélica), sen o seu traballo nada sería posible. E por suposto, a inspiración que provocou en min, como noutros compatriotas, Tom Nolan o deportista con maiúsculas.
Xoguei ao hurling e ao fútbol gaélico na escola co Whiterock e deixei o colexio con trece anos para traballar porque eramos unha familia numerosa, os tempos eran duros e cada penique contaba. Unha época difícil, pero todo o mundo estaba na misma situación e a xente axudábase mutuamente. Toda a historia do pobo irlandés é formidable neste sentido, algo en común cos galegos, que tamén son un pobo celta orgulloso. Xoguei en xuvenís e en modestos co Blue and Whites Club, nunca o fixen mellor ca daquela. Máis tarde tamén xoguei no exército e, despois, emigrado en Inglaterra, formei parte do St. Chad's, o Mary's Club e o Maidenhead Harps, o meu último equipo.
Ata o ano 2011, cando me integrei nos Fillos de Breogán. Da pouca xente que estivo o día da fundación dos Fillos, o club pasou a ter agora sete mulleres e trinta homes, case todos galegos, agás a algunhas excepcións. Xa no país veciño, emocionábame ver como prendía o fútbol gaélico entre os ingleses e a cantidade de equipos que tiñan. Ogallá aconteza o mesmo en Galicia no futuro.
A xente de fóra de Irlanda adoita a pensar que o noso deporte é o rugbi. Calquera que estivese na illa e puidese ver coa paixón coa que vivimos os deportes gaélicos non dirá o mesmo. É algo senlleiro ver Croke Park, un dos maiores estadios de Europa, con milleiros de almas en harmonía, máis aló de animar a equipos rivais, sen violencia nas gradas, e sabendo que os xogadores non son profesionais. Despois de gañar a gran final eles saben que terán que traballar ao día seguinte, coma sempre.
Ese espírito gaélico, esa semente, está prendendo en Galicia. Temos un bravo orgullo de facer o que facemos todos os que estamos involucrados no equipo e agora eses futbolistas gaélicos galegos aprenderon as habilidades precisas do seu novo deporte. Teñen ambición por gañar un torneo e, honestamente, penso que só e cuestión de tempo.