Onte reunímonos na Matthews' para asina-la acta fundacional e os estatutos. Catro orixinais de cada un deles e, no caso dos estatutos, asinamos en cada unha das follas (no bordo, porque ó sermos dezanove promotores-fundadores non é que nos quede moito espazo). Faltan unhas pouquiñas sinaturas. En canto as teñamos, xa nos poderemos dar de alta como asociación deportiva. Por iso, prégovos ós fundadores que non fostes onte que vos pasedes pola Matthews' a asina-los papeis (preguntádelle a Finbarr ou ás camareiras, que xa están avisados).
Por outra parte, tamén falamos dos adestramentos. Eu non estou a vindeira semana, pero si Gerry, que quere comezar cos adestramentos. Todos aqueles que déste-lo voso correo electrónico, seredes avisados por Gerry do lugar e hora do adestramento. Aínda non temos campo fixo, algo que só poderemos conseguir unha vez que estean asinados tódolos papeis e nos deamos de alta como asociación deportiva na Xunta (de aí a présa por consegui-las sinaturas). Tamén é preciso que nos deamos de alta como asociación deportiva para ter un CIF e dar de alta a conta bancaria do equipo (para que nos ingrese a GAA a axuda que nos quere dar, por exemplo). Solicitaremos campo ó Concello da Coruña, á Universidade da Coruña e á Laboral. Son optimista ó respecto, pero mantereivos informados dos avances.
Onte tamén falamos das camisetas. Chegouse ó acordo de establecer unha cota de socio (30 €) anual. Mercaranse 20-25 equipacións numeradas que serán para todos. Ficarán na Matthews ou na Cova Céltica e cando haxa partido levarémolas, pero non serán de cada un, senón que serán do club. Se algún de nós quere ter unha en propiedade, pode mercala á parte (eu vou mercar unha seguro). Para os socios, o prezo será de custe. Pero para isto haberá que agardar a outubro, debido a que Legea, onde probablemente merquemo-la camiseta, saca un modelo mellorado (70% poliéster, 30% elastano) da equipación New Scozia, a Scozia Gold. De tódolos xeitos, non hai présa, pois a competición non comeza ata xaneiro.
No que se refire ás camisetas de algodón, faranse dúas tiradas de camisetas negras e azuis, co escudo do equipo en grande en branco no peito e nas mangas unha publicidade pequena da Matthews' e da Cova Céltica. Tamén hai que agardar a outubro porque sae un modelo de maior calidade e ó mesmo prezo. Os socios recibirán/recibiremos unha camiseta de algodón de balde ao paga-la cota. Por certo, repito, ata que nos deamos de alta como asociación deportiva non poderemos abri-la conta e tampouco recibir doazóns.
Comunícovos que se nos uniron no patrocinio o Rústico e O Cachivache. Xa son catro patrocinadores, a cousa marcha, e establecemos por unha cota de patrocinio. É dicir, segundo o tipo de publicidade que se faga, poñer unha cantidade tipo para o patrocinador.
Por último, dígovos que eu non estarei en Galicia esta semana. De tódolos xeitos, dentro de dúas semanas, a xunta directiva reunirase e plasmaremos todos estes acordos verbais no papel, concretando máis e cunha acta como é debido. Seguimos en contacto. ¡Forza Fillos!

PD: Onte viñeron xornalistas de La Opinión. Chegaron cedo, ás nove en punto é só eramos catro. Logo fomos dezaoito. O domingo publicarán unha reportaxe.