Publicado por Wences García en Dioivo (http://dioivo.eu/deporte/327-cluxton-o-porteiro-que-marcou-para-facer-historia)

En todos os deportes, hai un encontro clave, o enfrontamento clásico, como o Lakers-Celtics ou o Madrid-Barça. No fútbol gaélico, o partido de maior rivalidade é o que enfronta a Dublín con Kerry. Tras moitos anos de seca, o 2011 brindoulles aos seareiros un Dublín-Kerry na final do All Ireland. Era un día para a épica, con Croke Park ateigado con 82.000 fanáticos do deporte nacional irlandés. Xogábase na capital, pero o favorito, como case sempre, era Kerry.
Condado da provincia de Munster, Kerry ten pouco máis de cen mil habitantes e a súa cidade máis poboada, Tralee, non supera os vinte mil. Pero é a referencia do fútbol gaélico. Ninguén foi campión máis veces (36) e ninguén produce ano tras ano futbolistas de tanta calidade. Kerry conta tamén co xogador máis determinante deste deporte: Colm Cooper.
O outro finalista, Dublín, partía coa única vantaxe de xogar na casa. Os seguidores do equipo dublinés son os máis apaixoados de Irlanda. Famoso é o fondo Hill16, onde, sempre de pé, os ‘dubs’ cantan sen parar durante todo o encontro. Tamén dispón de xogadores fóra de serie, como os irmáns Brogan e o porteiro Cluxton, pero levaba sen gañar o All Ireland dende 1995. Ademais, os dublineses chegaban á final logo dun durísimo partido ante Donegal que Os Fillos de Breogán tivemos a sorte de vivilo in situ en Croke Park. Xa que logo, toda a cidade sentía que se trataba dunha ocasión única para facer historia.
Foi un encontro moi igualado, ningún dos finalistas conseguía distanciarse no marcador. Colm Cooper tomou a iniciativa no ataque chegando aos minutos finais e, a falta de dez para a conclusión, Kerry púxose catro puntos por riba. Dublín vía outra vez como o equipo dun currunchiño da illa estaba preto de levarlle a copa diante dos seus fociños.
Un gol e un intercambio de puntos permitiron que se chegase con empate ao tempo de desconto. Entón, unha falta sobre McManamon, dáballe a oportunidade aos locais de gañar o partido. Bernard Brogan chamou polo porteiro, Stephen Cluxton. O gardamallas dublinés adoita tirar as faltas axeitadas para un zurdo, é o Chilavert do fútbol gaélico, pero agora tratábase do momento máis importante da súa carreira, da maior responsabilidade para un xogador de Dublín.
Croke Park quedou mudo. ‘Cluxo’, o home de xeo, correu dende a súa portería ata o campo de Kerry. Neses intres, seguro que non pensaba en ir traballar ao día seguinte ao colexio onde é profesor. Ninguén é profesional no fútbol gaélico e todos deberían volver á súa vida cotiá tras ese domingo mediático. Cando Cluxton atinou a meter o balón entre os paos, a tolemia colectiva apoderouse do estadio.
Todos os seus compañeiros fixeron festa no campo. Dublín ardeu. El non, Cluxton, o porteiro que marcou para facer historia, foise correndo aos vestiarios. Queríase duchar e marchar para a casa. Mentres todo Dublín celebraba o triunfo, Cluxton estaba no sofá do seu salón vendo un partido do seu amado Manchester United. “Xogo ao fútbol gaélico. Non falo coa prensa”, dixo. O domingo 11 de setembro de 2011, naceu un heroe en Croke Park.