Publicado por Wences en Dioivo (http://dioivo.eu/deporte/186-fillos-de-breogan-a-rara-avis-do-futbol-gaelico)

Cando xogaba ao fútbol de pequeno sempre tiven a ilusión de, nun momento dado, coller a bóla coa man e logo darlle unha patada para marcar gol con máis facilidade. Agora pódoo facer. Xogo ao fútbol gaélico. Gaélico, nin galáctico nin galaico. É o deporte nacional irlandés, por riba do fútbol, do rugbi e do tamén descoñecido hurling. Aló, na terra da cervexa negra, este estraño xogo centenario move masas cada fin de semana. Completamente amateur, é unha auténtica relixión para os irlandeses.

Pobo emigrante como o galego, a diáspora irlandesa permitiu o establecemento de novos equipos de fútbol gaélico por todo o mundo. Malia haber algún xogador local, a maioría deles adoitan ser emigrantes do país do trevo. En Galicia non pasa iso. A Coruña Fillos de Breogán é a rara avis do fútbol gaélico. Dos 29 xogadores cos que conta no seu plantel, só dous son irlandeses. É algo insólito e lóxico, pois en toda a provincia só hai un cento de compatriotas de James Joyce. Fundado en outono de 2010, este ano os Fillos volven competir no Campionato Ibérico, no que a pasada tempada finalizaron cuartos de oito equipos.

Neste club todo é pouco común. A súa fundación débese á teima do que escribe estas liñas que, tras ver partidos en Irlanda, quedou namorado do fútbol gaélico e, xunto con outros teimóns aventureiros, comezou a realizar un soño. Agora, tras moitas dificultades económicas e administrativas, Fillos de Breogán é unha realidade. Co equipo masculino xa conformado, pero coas portas abertas a novas incorporacións, a nova meta é acadar un equipo femenino completo, pois de momento só hai cinco xogadoras.

Así é que Fillos de Breogán anda na procura de novos tolos e tolas que queiran probar un xogo que combina cousas do fútbol, rugbi e baloncesto onde o terceiro tempo é tanto ou máis importante ca no deporte do balón oval. A pelota pode levarse co pé ou coa man (iso si, cada catro pasos hai que botala ou darlle un toque co pé), pásase cun golpe coa man ou cunha patada e pódese meter gol nunha portería de fútbol ou conseguir un punto tirando entre uns paus semellantes aos do rugbi.

As lendas do Libro das Invasións falan dos Milesianos, uns celtas procedentes de Galicia que tomaron Irlanda. Eran os Fillos de Breogán. Agora, os novos Fillos prepáranse para continuar as historias antigas suando un uniforme branquiazul e xogando ao que máis lles gusta aos irlandeses, o ‘peil’ como eles lle chaman. E os Fillos non só compiten na Península Ibérica. O ano pasado xa xogaron en Wexford, no sur do país dos fieis de San Patricio, ante o St. John’s Volunteers. E, a poucos metros da Torre de Hércules, onde Ite, descendente de Breogán, divisou Irlanda para logo ir na súa conquista, Nemo Rangers e os Fillos desputaron a primeira edición da Copa Breogán, que este ano terá a súa segunda edición en Cork. ‘CorKuña’ rabuña. A nosa casa, www.fillos.tk, é a casa de todos os que queiran entrar nesta familia. A febre gaélica acaba de chegar a Galicia e non hai antídoto posible.